Un equipo para soñar Sada
Soñar Sada…
Esa Sada que temos na cabeza cando pasamos por diante das Brañas e imos aparcar, e imaxinamos ese espazo natural visitable, ou cando vimos pola rúa da Praia e miramos a Terraza e o seu contorno, ou cando imos pola rúa Venezuela e imaxinamos o río Maior aberto nunha canle que atravesa a vila...
No BNG somos soñadores, pero soñamos realidades e loitamos por elas. Soñamos cunha Galiza mellor, cun país moderno e onde sermos máis felices. Con orgullo do noso. Pero buscando soños tanxibles e loitando por facelos realidade. Nos vindeiros 4-8 anos a cara de Sada pode mudar radicalmente.
Porque están enriba da mesa do noso concello moitos plans: abrir o río Maior, a restauración das Brañas, o Plan de Mobilidade, o traslado do centro de saúde...
E queremos levalos adiante. Temos que estar para convertelos en realidades. Liderando unha alternativa de esquerda no noso concello.
Defendendo e mantendo os servizos sociais.
- Defendendo a recuperación do noso patrimonio cultural e natural.
- Mellorando a mobilidade.
- Apoiando o tecido social.
- Traballando para que non teñamos que ir a concellos veciños ás infraestruturas deportivas ou de lecer e para que poidamos atender as nosas crianzas como merecen sen termos que saír de Sada.
Para conseguilo contamos cun equipo de xente admirable.
Mestura xeracional e plural. Persoas de Sada de toda a vida xunto a venideras; escritoras, artistas, investigadores, mariñeiros, profesoras…
Fundadores do BNG mesturados con rapazas que aínda non naceran cando foi a moción contra o exalcalde do BNG Abel López Soto, ou cando a loita contra o plan de Porto Infanta. Persoas que ocuparon concellerías a carón doutras que levan toda a vida como sindicalistas ou en asociacións.
Insubmisos mesturados con feministas, ecoloxistas, loitadores pola recuperación da memoria histórica, defensores de poder vivir dos nosos recursos sen que desde Madrid decidan que “mellor eólicos que peixe”.
E todo iso cementado con ilusión e ganas.
O BNG conta cun grupo traballador e serio, que sabe estar por riba das convulsións políticas de Sada, por riba de localismos e cunha idea de país e unha organización de país.
Sada necesita ser soñada, e facer ese soño real. Aquí tedes os nosos brazos e as nosas neuronas para facelo, se así o queredes os e as sadenses.