28 DE MAIO ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2023

Un equipo para soñar Sada

candidatura
candidatura

Soñar Sada…
Esa Sada que temos na cabeza cando pasamos por diante das Brañas e imos aparcar, e imaxinamos ese espazo natural visitable, ou cando vimos pola rúa da Praia e miramos a Terraza e o seu contorno, ou cando imos pola rúa Venezuela e imaxinamos o río Maior aberto nunha canle que atravesa a vila...
No BNG somos soñadores, pero soñamos realidades e loitamos por elas. Soñamos cunha Galiza mellor, cun país moderno e onde sermos máis felices. Con orgullo do noso. Pero buscando soños tanxibles e loitando por facelos realidade. Nos vindeiros 4-8 anos a cara de Sada pode mudar radicalmente.
Porque están enriba da mesa do noso concello moitos plans: abrir o río Maior, a restauración das Brañas, o Plan de Mobilidade, o traslado do centro de saúde...
E queremos levalos adiante. Temos que estar para convertelos en realidades. Liderando unha alternativa de esquerda no noso concello.

 

 Defendendo e mantendo os servizos sociais.

  •  Defendendo a recuperación do noso patrimonio cultural e natural.
  •  Mellorando a mobilidade.
  •  Apoiando o tecido social.
  •  Traballando para que non teñamos que ir a concellos veciños ás infraestruturas deportivas ou de lecer e para que poidamos atender as nosas crianzas como merecen sen termos que saír de Sada.

Para conseguilo contamos cun equipo de xente admirable.

Mestura xeracional e plural. Persoas de Sada de toda a vida xunto a venideras; escritoras, artistas, investigadores, mariñeiros, profesoras…

Fundadores do BNG mesturados con rapazas que aínda non naceran cando foi a moción contra o exalcalde do BNG Abel López Soto, ou cando a loita contra o plan de Porto Infanta. Persoas que ocuparon concellerías a carón doutras que levan toda a vida como sindicalistas ou en asociacións.

Insubmisos mesturados con feministas, ecoloxistas, loitadores pola recuperación da memoria histórica, defensores de poder vivir dos nosos recursos sen que desde Madrid decidan que “mellor eólicos que peixe”.

E todo iso cementado con ilusión e ganas.

O BNG conta cun grupo traballador e serio, que sabe estar por riba das convulsións políticas de Sada, por riba de localismos e cunha idea de país e unha organización de país.

Sada necesita ser soñada, e facer ese soño real. Aquí tedes os nosos brazos e as nosas neuronas para facelo, se así o queredes os e as sadenses.

Bannerbng
Unha nova Galiza Concello a Concello
Un equipo para soñar Sada

CANDIDATURA DO BNG ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

 

1.   EMILIO GRAÑA MOSQUERA

Nacín en 1972 na Coruña e na actualidade vivo no lugar do Ameixeiral, en Mondego.

Son licenciado en Bioloxía e profesor desde hai máis de 20 anos nun centro concertado da Coruña.

Milito no BNG desde a universidade, nos anos 90, e sempre me comprometín na vida social e política alí onde estiven. Así, participei no movemento pacifista contra o servizo militar, fun insubmiso e mesmo condenado a nove meses de prisión por defender a loita social que finalizou coa abolición da mili obrigatoria. Tamén fun activista do movemento ecoloxista desde que cursaba bacharelato, implicándome, por exemplo, en movementos a prol dunha planta de reciclaxe para a comarca tras o escorregamento do vertedoiro de Bens, e colaborei, como voluntario da asociación ecoloxista ADEGA, na organización de envío de buses a na recollida de chapapote durante a marea negra do Prestige.

Esta é a segunda vez que participo nunha lista electoral. A primeira foi no ano 1999, ocupando o segundo posto na que presentou o BNG ás eleccións municipais no concello de Oleiros, onde naquel momento residía.

Na actualidade son o responsable local do BNG de Sada e asumo o posto de cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais do mes de maio, un compromiso que afronto con humildade, ilusión e ganas de contribuír a facer unha Sada mellor.

Ao meu ver, as solucións para Sada non poden vir das mesmas ideas que fomentaron os pelotazos e a desfeita urbanística da nosa vila, un pasado do que aínda hoxe sufrimos as consecuencias. Pola contra, quero contribuír a facer unha Sada mellor e máis accesíble, colaborando con aquelas forzas políticas que aposten por humanizar a nosa vila, conectar as nosas parroquias, crear máis lugares para andar e para o esparexemento e seguir traballando pola mellora dos servizos básicos para a poboación, de xeito que ninguén quede atrás. O forte investimento en servizos sociais levado a cabo polo BNG desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, da que fomos responsables, que multiplicou por catro o orzamento anterior, demostra con feitos por que o BNG é útil e necesario nun goberno.

Somos persoas serias, comprometidas coa nosa vila, e temos ademais o respaldo dunha organización que nos permite trasladar as nosas iniciativas tanto á Deputación e á Xunta como ao Estado e a Europa. Porque traballamos desde o local coa idea de facermos unha Sada mellor, integrada na comarca e nunha Galiza máis forte e máis próspera.

Con esa intención queremos seguir ampliando a vosa confianza para chegar a liderar novamente o goberno de Sada.

2.  LAURA RODRÍGUEZ PENA

Son licenciada en Historia da Arte, especializada en Mediación Cultural e Máster en Profesorado. Desde o movemento estudantil ao feminismo ou ao activismo cultural e medioambiental, participo en política desde moi nova, porque creo nos ideais como as únicas certezas coas que comprometerse.

Desde o 2019 até 2022 asumín a responsabilidade de goberno como concelleira nas áreas de Promoción Económica, Turismo e Emprego do Concello de Sada.          

3.  BELÉN BOUZA TESTA

Nacín nas Pontes no 1975 e estudei Arquitectura Técnica na UdC. Despois de traballar en varias construtoras, no ano 2018 convertinme en propietaria de EdM Casas, empresa especializada na construción de vivendas unifamiliares con estruturas de madeira e que aposta pola utilización de madeira galega e polo desenvolvemento de casas sostibles e respectuosas co medio ambiente.

Ademais do meu labor profesional, tamén son unha nai dedicada aos seus fillos André e Mara, sadenses, de 10 e 5 anos respectivamente. O meu interese pola política vén motivado precisamente pola miña preocupación pola defensa dos dereitos da infancia, unha das prioridades fundamentais que debe ter a nosa sociedade, especialmente tras a pandemia, na que este colectivo foi un dos máis sacrificados.

Desde o ano 2020 son membro da ANPA Quintán do Colexio de Mondego e levo máis de dez anos vinculada ao proxecto do BNG de Sada.

4.  CÉSAR RESCH ZAFRA

Nacín na Coruña en 1965 e levo 15 anos residindo coa familia en Meirás. Son enxeñeiro agrónomo pola Universidad Politécnica Superior de Madrid e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. A miña formación completouse con dous anos de experiencia laboral no eido lácteo en Irlanda, Francia e Nova Zelandia.

Levo traballando no sector lácteo desde inicios dos noventa, na empresa privada durante máis de quince anos e desde o 2010 na Axencia Galega da Calidade Alimentaria, como investigador especialista en vacún de leite no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Durante trece anos fun profesor asociado de Universidade de Santiago de Compostela, na área de Enxeñería de Proxectos da Escola Politécnica de Lugo. Como investigador, as liñas de traballo están relacionadas con sistemas de produción mais respectuosos co medio e con menor impacto ambiental. Participo activamente en proxecto de innovación de ámbito europeo e teño coordinado grupos de expertos para a redacción de informes da Comisión Europea.

No ámbito político e sindical, son representante dos traballadores pola CIG no meu centro de traballo e fun responsable local do BNG de Sada durante tres anos.

5.  SARA ARROJO DUEÑAS

Teño 22 anos e estou finalizando os estudos de Traballo Social na Universidade de Santiago de Compostela, nos que só me falta defender o traballo de fin de grao. En outubro de 2022 asumín o cargo de concelleira de Benestar Social e Igualdade no Concello de Sada, o cal desempeñei ata o momento da moción de censura. Como sadense e como persoa comprometida coa miña vila, penso que neste concello queda moito por facer. Con Emilio e co BNG conseguirémolo.

6.  MERCEDES LEOBALDE

Son coruñesa de nacemento pero sadense por decisión desde hai cinco anos. Veño dunha familia numerosa que se apañou para saír adiante co soldo dun obreiro. Licencieime en Filoloxía Galego- Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, onde fixen tamén o Curso de Adaptación Pedagóxica. Dei clases en varios institutos e tamén impartín cursos para adultos durante máis dunha década, traballo que sempre simultaneei co de tradución. Teño dúas fillas xa mozas que son o meu orgullo. Hai cousa de vinte anos aprobei unhas oposicións a tradutora da Administración de Xustiza e desde aquela traballo no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Cando a vida mo permite préstame escribir e teño publicados un poemario, un libro de relatos e algunha outra obra solta. As miñas inquedanzas teñen que ver coa igualdade, a xustiza social, a lingua e o medio ambiente. Son socia de vello de UNICEF, afiliada da CIG e militante do BNG. Tamén formo parte da directiva da Asociación Irmáns Suárez Picallo e do Consello de Redacción da revista Areal, na que colaboro asiduamente.

Adoro Sada e síntome aquí completamente integrada. Creo que veñen tempos mellores e que o BNG terá niso un papel protagonista.

7.  BREIXO LOUSADA VALDÉS

Teño 39 anos e estou vinculado desde novo ao concello de Sada, onde resido desde hai cinco anos. Na actualidade son veciño de Fontán e traballo como deseñador gráfico. Levo desde os 15 participando en diversos colectivos sociais: no movemento estudantil, no sindicalismo a través da CIG ou na solidariedade internacionalista, tanto no país como na emigración. Son responsábel da Área de Movementos Sociais na Executiva Nacional do BNG.

8.  CARLOS SILVAR

Licenciado en Belas Artes, inicieime profesionalmente como ilustrador editorial, caricaturista e humorista gráfico. Durante 30 anos traballei como deseñador de produto no Grupo Sargadelos, nas Cerámicas do Castro, e paralelamente mantiven a actividade inicial, especializándome en ilustración da natureza.

Entrei na AN-PG no 1974, e no actual BNG desde o seu inicio, desde Riazor... Son socio da SGHN dende a súa fundación (1973) e fun durante case trinta anos socio de ADEGA, da que continúo a ser colaborador. Formei parte da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a cal presidín durante catro anos, e montei o colectivo de fotografía-creación audiovisual Ollo de Vidro.

9.  LÚA FIGUEROA LAGO

Teño 18 anos e son estudante de Enxeñaría Aeroespacial. Estudei no instituto de Sada, no que formei parte do Consello Escolar durante tres anos. Fun no 2022 “embaixadora europea” da Deputación da Coruña. Na actualidade formo parte do programa “Correspondentes” da Xunta de Galicia, informando das oportunidades existentes (cursos, iniciativas emprendedoras…) para a mocidade galega. Gústame pintar e escribir (en 2021 gañei o premio “Reescribindo Xela” organizado polo Concello de Sada), e practicar deporte; xoguei ao baloncesto e ao fútbol e este último ano fixen taekwondo, boxeo e defensa persoal. Tamén formo parte na universidade dun equipo de aeromodelismo. No verán sempre estou nas pistas de Sada.

10.  DAVID GARCÍA PAUWELS

Nacín no ano 1975 e son natural de Carnoedo, onde vivín toda a vida. Estudei no colexio de Carnoedo e no de Mondego e despois o BUP no
instituto de Sada. Fixen FPII en Equipos Informáticos no Instituto Politécnico da Coruña. Son afiliado e militante do BNG desde os 17 anos.
Fun vogal da Asociación de Veciños de Carnoedo. Na actualidade son vogal da Asociación Cultural Suárez Picallo. E tamén son, por suposto,
siareiro do Carnoedo.

11.  SEGUNDO FONTAO GARCÍA

Nacín no 1965 en Taboada, onde me presentei por primeira vez como candidato á alcaldía polo BNG en 1987, e desde entón son militante na organización. Estudei Arquitectura Técnica e despois exercín como profesional independente e como traballador na empresa da que fun cofundador en 1989. Por motivos laborais, no 1992 trasladei a miña residencia a Sada, concello no que formei parte da candidatura do BNG en numerosas ocasións, participando así mesmo no seu tecido asociativo. Foi especialmente intensa a participación no movemento que Comisións Labregas levou a cabo contra a cota do leite, época que me colleu en Taboada. En Sada considero particularmente destacable a participación na Plataforma pola Democracia en Sada, debido á implicación, o traballo e o nivel de mobilización conseguidos

12.  ISABEL MARTÍNEZ-RISCO VALDIVIESO

Actriz e activista con raíces en Fontán e vinculada desde moza a loitas feministas e de defensa de Galiza. Graduada en Pedagoxía Teatral (2005) pola Universidade da Coruña, comecei no teatro universitario en 1997. Son actriz de teatro e cine, monologuista, contadora de contos, traballadora na radio, presentadora habitual de galas...

Realicei varios traballos para a TVG e teño participado en programas desta canle. Estou vinculada ao BNG desde hai anos e xa no ano 2004 fun nas listas para as eleccións ao Parlamento Europeo.

13.  RAQUEL VEIRA MOSQUERA

Sadense de adopción e licenciada en Ciencias Económicas (1999). Traballei nas oficinas de Balcarsa, como financeira nun almacén de fontanería e, tras unha década de desfrute das crianzas, como financeira nunha empresa construtora.

Fun membro durante 30 anos de Scouts de Galicia, onde cheguei a formar parte da Directiva como tesoureira.

Tamén participei no movemento feminista en Sada.

14.  XOSE PICATOSTE NOVO

Nacín na Coruña no 1992. Gradueime en Economía e realicei o mestrado en Migracións Internacionais na Universidade da Coruña, o mestrado en Formación Universitaria pola Universidade Internacional de Valencia, e o posgrao de experto universitario e o doutoramento en Economía pola Universidade Autónoma de Madrid, onde comecei a miña carreira como profesor universitario. Fun alumno recoñecido pola Universidade de Oxford.

Na actualidade son profesor na Universidade da Coruña. As miñas paixóns son Galiza, o surf, as amizades e a gaita.

15.  MARTA BERMÚDEZ DE CASTRO

Nacín na Coruña en 1977, son enxeñeira técnica en Informática de Xestión e egresada en Enxeñaría Informática pola UDC. Traballo como profesora de secundaria e bacharelato desde hai 15 anos. Vivín sempre entre Sada e A Coruña, xa que os meus avós tiñan raíces en Mondego e a miña familia vive aquí.

O meu interese pola política vén de lonxe, coa intención de facer un mundo máis igualitario e feminista.

16.  MANOLO PRESAS

Son armador, patrón de pesca e defensor dos recursos mariños de Galiza. Simpatizante do BNG desde hai xa moitos anos, e máis activo aínda desde o “campamento do cerco” de 95 días diante das oficinas da Xunta en San Caetano.

Colaborador habitual nun programa de radio no que falo do mar e dos problemas do sector pesqueiro.

 

 

17.  ISABEL REIMÚNDEZ SUÁREZ

Teño 35 anos, son licenciada en Socioloxía con formación e experiencia laboral no estranxeiro. A miña experiencia como concelleira de Benestar Social e Igualdade durante sete anos permitiume coñecer o funcionamento da administración local.

Sempre me mobilicei ante inxustizas sociais e laborais. As miñas inquedanzas políticas veñen desde moi cativa, cando con 15 anos fun responsable local de Galiza Nova na nosa localidade. Creo que Sada ten moitas capacidades que merecen ser postas en valor e que existe outro xeito de facer as cousas, como así o demostra o BNG.


 

SUPL. 01.  ANTÍA PÉREZ CASAL

Teño 32 anos, son educadora social e actualmente traballo con persoas con diversidade funcional.

Vivo, traballo, merco e paso o meu tempo libre en Sada, e creo firmemente que a nosa vila precisa unha mellora. Por iso apoio a Emilio e apoio o BNG.

SUPL. 02.  MANUEL SERVANDO FRANQUEIRA GONZÁLEZ

Vivo en Carnoedo e levo apoiando o nacionalismo desde o ano 1978 nas súas diferentes etapas. A loita sindical foi sempre o meu principal compromiso persoal.

SUPL. 03.  XIMENA CAMPOS PÉREZ

De Fontán, filla de Oliva a tendeira e Carlos o taxista, neta dos Barracañeros da Tenencia. Participo nas asociacións culturais Nova Troula tocando a gaita e en Queiroa tocando o violín. Afeccionada á vela na ría de Sada, cun barquiño que amarra nun dos clubs náuticos do noso concello. Experta en políticas públicas e concelleira de Sada durante dúas lexislaturas.  Levo máis de 25 anos xestionando centros de maiores. Nos últimos 15 xestiono os centros de día e residencias públicas da rede da Xunta de Galicia. Traballadora social e licenciada en Socioloxía.

SUPL. 04.  MANUEL ALBERTO VIDAL BLANCO

Nacín en Palmeira (Ribeira) en 1959 e son mestre industrial de máquinas e ferramentas. Estiven máis de trinta anos empregado na Refinería de Repsol A Coruña. Fun fundador do sindicato nacionalista CIG na compañía e durante os oito primeiros anos da súa andaina traballei por axudar os traballadores das empresas auxiliares como membro do Comité Provincial de Saúde Laboral. Desempeñei ademais outros traballos ben variados: na montaxe industrial, en centrais térmicas, nucleares e hidráulicas, en celulosas e na minería do carbón. Fun mariño mercante, traballador na pesca de altura e baixura, no cerco, e traballador do metal en distintos talleres da Coruña e comarca. Actualmente estou xubilado.

SUPL. 05.  ALBERTE CADAVEIRA

Son fillo de emigrantes galegos e neto de sindicalista paseado polo franquismo. Vivo desde 1967 no Castro, lugar de orixe dos meus antepasados por parte de nai. Traballo na Deputación Provincial da Coruña, na que son representante da CIG desde a década dos 90.  Milito no BNG desde hai máis de vinte anos.

SUPL. 06.  MARIBEL VALDIVIESO

En Fontán son coñecida como Maribel “das de Revilla”. Aínda hai quen me chama venidera, cando os Revilla levan 130 anos achegándose a Fontán, desde cando había que baixar a Morazón sen escaleiras… E foi un Revilla quen as fixo! Como non vou ter raíces, se comecei a subir e baixar con dignidade ata o noso mar! Síntome de Fontán, e con todo o dereito!
 

Nacín en Lugo, a fermosa cidade amurallada, e pode que isto influíse algo na miña defensa do patrimonio. Despois de percorrer moitos lugares de lonxe, regresei á miña terra, Galiza, onde levo como 55 anos… facendo de todo! Deixando á parte cuestións persoais, considero que un dos maiores logros nos que participei foi a paralización de Porto Infanta, a que houbo ser a maior desfeita da nosa costa.
 

Nun determinado momento centreime na pintura e na fotografía, ata a actualidade. Algunhas exposicións da miña obra foron exhibidas en Sada.

Un equipo para soñar Sada