Esiximos a Correos que obrigue á empresa concesionaria do servizo de limpeza a cumprir coas súas obrigas
O servizo público de Correos ten privatizada a limpeza dos seus locais e ultimamente a empresa concesionaria, ademais de non facilitar roupa axeitada, nin cubrir baixas nin vacacións, está a incumprir os prazos de pago mensual das nóminas ás traballadoras e traballadores que se encargan da limpeza diaria das oficinas.
Non é un problema exclusivo de Sada, nin sequera de Galiza. É un problema xeral, posto que é unha concesionaria para todas as oficinas de Correos do Estado.
As traballadoras e traballadores xa teñen feito protestas en diferentes lugares, a última en Compostela, e mesmo teñen anunciado mobilizacións.
O BNG amosa o apoio ás persoas que están a sufrir a mala xestión deste servizo público e agarda que Correos tome as medidas que están na súa man, co fin de protexer os dereitos das persoas que diariamente limpan os seus locais.