O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta por máis 4 millóns para Sada

enmendas-parlamento
Parlamento de Galicia
O Bloque Nacionalista Galego presentou un conxunto de emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia que suman máis de 4 millóns de euros en investimentos destinados a mellorar infraestruturas, servizos básicos, mobilidade e patrimonio no Concello de Sada.
O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta por máis 4 millóns para Sada

As emendas enfocadas en Sada inclúen actuacións clave como a construción dunha rotonda na intersección do Tarabelo (431.520 €), a execución de sendas peonís e ciclistas nos núcleos de Tarabelo, Mondego, Meirás, Pazos, Carnoedo e Veigue (1 millón de euros), así como a creación dun novo depósito de auga no Castro (630.000 €) e dun tanque de tormentas no paseo marítimo (1 millón de euros) para previr inundacións.
No ámbito sanitario, o BNG propón destinar 500.000 € ao novo centro de saúde en Cantalarrana, mellorando a accesibilidade da veciñanza.
Tamén se recollen medidas para protexer e dinamizar o patrimonio local, como a catalogación e promoción turística do modernismo sadense (300.000 €), a creación dun museo de embarcacións tradicionais (200.000 €) e un proxecto de restauración do edificio da Terraza (50.000 €). A isto súmanse actuacións no porto de Sada, como a instalación de pantaláns (50.000 €) e dun bungalow para o posto en terra (50.000 €).

Ademais destas actuacións locais, o BNG incorporou emendas de carácter comarcal, como o estudo e inicio das melloras urxentes no transporte metropolitano por autobús, un Plan de Desenvolvemento Industrial Comarcal para impulsar o investimento, o emprendemento e o I+D+i, así como medidas urxentes para ampliar o parque público de vivenda, tanto mediante nova construción como a través de rehabilitación e alugueiro social. Tamén se propuxo reforzar a dotación para completar o Vial 18, conectándoo coa AP-9 e coa A-6, creando así unha circunvalación de altas prestacións e libre de peaxe para a comarca da Coruña.

O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta por máis 4 millóns para Sada