A dereita sadense utiliza un pleno extraordinario para infundir medo
No pleno extraordinario do luns 20 de novembro sobre seguridade quedou evidenciada a concepción reducionista e irresponsable que ten a dereita sobre seguridade, utilizando a convocatoria extraordinaria para tentar obter un mínimo de relevancia mediática a costa de infundir medo entre a veciñanza.
O Bng considera que, no seu afán de protagonismo, están a sobredimensionar un problema limitándose a demandar unha maior resposta policial pero ignorando a raíz dun problema social como é o da delincuencia, que en Sada, os datos demostran non ter aumentado significativamente pese ao contexto de crise que dificulta, cada vez máis, as condicións de vida dunha gran parte de veciños e veciñas. Por iso cremos que un debate coma este non pode darse sen relacionalo con outras áreas transversais como o dos Servizos Sociais ou a Seguridade Vial e así o defenderemos.