A CAPELA DE SAN ROQUE DA VILA MARIÑEIRA QUEDOUSE PEQUENA PARA RECIBIR Á PORTAVOZ NACIONAL DO BNG, QUE PUXO EN VALOR “O BNG DE SADA, UNHA FORZA SERIA E RIGUROSA QUE, A DIFERENZA DOUTRAS, FAI O QUE DI E DI O QUE FAI”.
Ana Pontón: “Nin localismos, nin personalismos; equipo, proxecto e traballo. Sada precisa xente coma Emilio Graña.”
Alén de cuestións de interese nacional, que tamén afectan a Sada, como “a barbarie dos plans da eólica mariña que perpetúan o rol de colonia enerxética do país e atentan contra o noso sector pesqueiro”, Ana Pontón quixo explicitar o seu respaldo persoal á candidatura nacionalista en Sada, logo dun mandato convulso que rematou cunha moción de censura protagonizada por tránsfugas do PP, PSOE e Alternativa dos Veciños, que desaloxou do goberno municipal a un BNG que participaba do mesmo coma parte minoritaria. Así, Pontón puxo en valor “o BNG de Sada, unha forza seria e rigurosa que, a diferenza doutras, fai o que di e di o que fai. O voto é algo moi serio, un dereito que custou moitas xeracións, vidas e sacrificios conquistar, como para malgastalo, aínda con toda a boa intención do mundo, en papeletas que, en concellos coma Sada, acumulan episodios de transfuguismo e paracaidismo. Nin eso, obviamente, nin localismos, nin personalismos; equipo, proxecto e traballo. Sada precisa de xente coma Emilio Graña e dunha organización coma o BNG, capaz de defender os intereses da veciñanza sadense na casa do concello, pero tamén en Santiago, Madrid ou Bruxelas”.
Emilio Graña, veciño de Mondego, profesor de secundaria e activo ecoloxista, agradeceu a presenza da portavoz nacionalista en Sada e, diante do exalcalde Abel López Soto, sinalou a “historia e a traxectoria do BNG de Sada como a mellor carta de presentación. Eses son os cimentos sobre os que queremos construír unha Sada máis social e inclusiva, motor de calidade de vida e progreso para as súas xentes. Un concello útil e eficaz que en vez de crear problemas sexa quen de solucionalos.” remarcou, incidindo en que “o BNG ten as súas portas abertas ao conxunto da cidanía sadense”.