A PROTECCIÓN DA CULTURA MARIÑEIRA SADENSE, ADEMAIS DE FOMENTAR O COÑECEMENTO DA NOSA LOCALIDADE E DA SÚA HISTORIA, PODERÍA CONVERTERSE NUN APOIO IMPORTANTE PARA O NOVO TURISMO CULTURAL E DE CALIDADE QUE VIMOS APOIANDO.

A Balbina e o futuro Museo Vivo

Bablbina
Bablbina
Unha parte destacábel da historia de Sada está vinculada á pesca e o comercio do patexo, efectuados na nosa ría desde tempos inmemoriais e ata o último terzo do século XX. Este crustáceo, pouco consistente e con grandes proporcións de cal, sosa e potasio, utilizábase para fertilizar e desinfectar as terras de labranza en substitución ou como complemento do esterco.
A Balbina e o futuro Museo Vivo

 

Non hai ningún dos nosos maiores que non lembre con saudade os carros de bois nas praias da vila, agardando a chegada dos barcos patexeiros para poder cargar.

A finais do pasado 2022, ante a falta dunha protección axeitada por parte das diferentes administracións responsábeis, foise a pique en Lorbé o derradeiro barco patexeiro coñecido, a Balbina. De titularidade municipal e rescatada do desmantelamento no ano 2009, esta embarcación catalogada no Censo de Barcos Históricos e Embarcacións Tradicionais de Galicia non deu superado o inverno.

Desde o BNG estamos a loitar, e seguirémolo facendo, pola recuperación da Balbina para a súa posta en valor, así coma pola habilitación no porto da nosa vila dun espazo onde se agrupen, a modo de “museo vivo” que mostre a nosa cultura mariñeira para desfrute de sadenses e visitantes, os barcos históricos e embarcacións tradicionais catalogados de Sada.

Desde a nosa formación consideramos que a protección da cultura mariñeira sadense, ademais de fomentar o coñecemento da nosa localidade e da súa historia (o cal é de seu un beneficio innegable), podería converterse nun apoio importante para o novo turismo cultural e de calidade que vimos apoiando. Xunto coa recuperación do Pazo de Meirás ou da Terraza modernista de Sada entre outros, o Museo Vivo de Barcos Históricos e Embarcacións Tradicionais Galegas nos embarcadoiros do porto de Sada será parte importante no crecemento da nosa vila.
A Balbina e o futuro Museo Vivo