Presenza de lixo e cascallos nos nosos montes
Ante o alarmante incremento de verquidos que van aparecendo nos nosos montes, dende o BNG de Sada solicitamos que se faga cumprir, de xeito urxente, a normativa sancionadora existente. Hai distintas leis estatais e galegas nas que se recollen as sancións para este tipo de accións incívicas, como a Lei 7/2022, a Lei 43/2003 relativa aos montes, ou a Lei 6/2021, de residuos e solos contaminados de Galicia. Ademais, o Concello de Sada conta cunha normativa propia para esta fin, a Ordenanza Xeral de Limpeza e Medio Ambiente.
Desde hai un tempo, vemos como van aparecendo cada vez máis restos de materiais de obra, mobles e outro tipo de verquidos e cascallos nos camiños que atravesan a nosa vila. É preciso lembrar á veciñanza que o coidado dos montes e dos nosos recursos naturais é trascendental, polo que facemos un chamamento ao civismo e á conciencia medioambiental, e lembramos que o noso concello conta cun Punto Limpo ao que calquera pode acudir.
Por estes motivos, cómpre poñer en marcha campañas de sensibilización ambiental, así como unha mellora dos puntos limpos e un incremento da información á que ten acceso a veciñanza.
Dende o BNG de Sada facemos un chamamento colectivo, tanto ás institucións, que deben educar e concienciar, como aos particulares, que deben ser conscientes do que supoñen este tipo de accións para os nosos montes.
Por uns montes vivos, limpos e coidados!