O BNG de Sada di “non” ao xenocidio de Israel en Gaza
A Humanidade sentiu vergoña despois do 45, logo de averiguárense e demostrárense todos os crimes que os nazis cometeran durante e antes da Segunda Guerra Mundial.
Hoxe en día, o xenocidio que está a cometer o Estado sionista de Israel é coñecido en tempo real, ata é televisado, permitido e incluso apoiado internacionalmente.
No BNG preguntámonos: Cando pasen os anos, sentirá a Humanidade vergoña tamén por non impedir dende o principio o intento de exterminio do pobo palestino por parte doutro estado fascista, tal como aconteceu no pasado?
É evidente que o sufrido polo pobo xudeu a principios do s. XX foi unha atrocidade e entre todas e todos temos que impedir que algo así volva sucederlle a ese ou a calquera outro pobo. De todos os xeitos, non se pode escusar nin apoiar nunca un xenocidio; por ningún motivo, sexa cal sexa. Ter sufrido unha barbarie no pasado non pode ser xustificación para que o Estado de Israel actúe do mesmo xeito con outro pobo, neste caso co pobo da Palestina.
Non se atopan demasiadas diferenzas entre o discurso e os actos da Alemaña nazi e o actual goberno fascista de Netanyahu: Deshumanización doutro pobo, racismo, crimes de lesa humanidade, intento de exterminio doutros pobos, conquista de territorio...
O que si é moi diferente é a actitude do Mundo ante os actos duns e doutros. A meirande parte dos estados posicionáronse do lado correcto da Historia durante a Segunda Guerra Mundial. Pero na actualidade, poucos (por non dicir ningún) serán lembrados por defender a Xustiza Internacional e ter un mínimo de dignidade e humanidade.
Dende o BNG instamos á Comunidade Internacional a que actúe dunha vez e impida que esta situación continúe. Non podemos permitir que sigan a asasinar nenos, civís, que bombardeen colexios e hospitais, centros de refuxiados..., nin por intereses económicos, nin políticos, nin por vinganza, nin por inacción.
Non ao xenocidio! Non á ocupación! Non ao fascismo! 🇵🇸🇵🇸