A SADA QUE ESTÁ POR VIR
Democracia, transparencia e participación
Na nosa acción política sempre consideramos como un dos principios fundamentais da xestión pública a transparencia, que é fonte de confianza entre a veciñanza e as persoas encargadas de xestionar o Concello. Esta transparencia tradúcese en dar conta de cada céntimo de euro xestionado.
O outro principio básico é a participación veciñal, que sempre fomentamos e que nos comprometemos a incrementar aproveitando as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías.
En consecuencia:
Fomentaremos a participación veciñal nos órganos de goberno e na elaboración de orzamentos participativos eficaces que faciliten a implicación da cidadanía.
Estableceremos unha canle de relación directa e regular entre o tecido asociativo e o Concello para coñecer as necesidades e as problemáticas de cada unha das asociacións, ademais de establecer unha estreita colaboración na organización das diferentes actividades que desenvolvan. Impulsaremos a participación dos colectivos e entidades representativas nos procesos de toma de decisión do seu ámbito sectorial.
Comprometémonos a mellorar a xestión das axudas, sacando o concurso de libre concorrencia na primeira metade do ano fiscal, co fin de que as asociacións beneficiarias poidan facer unha planificación axeitada, sabendo con que axudas contan.
Impulsaremos as “cartas de servizos” como mecanismo fundamental para que os/as veciños/as coñezan todos os servizos aos que poden ter acceso, así como os procedementos que implican.
Manteremos un Concello aberto, no que os cargos públicos sexan accesíbeis ás veciñas e veciños, e realizaremos xuntanzas abertas coa veciñanza.
Promoveremos a máxima transparencia en toda a actividade municipal, empregando as tecnoloxías da comunicación para dar conta especialmente dos acordos e decisións adoptadas.
Teremos moi en conta o tecido asociativo. As actuais asociacións de veciñas e veciños das diferentes parroquias prestan un servizo moi importante que debe contar non só co apoio municipal, senón coa necesaria autonomía de funcionamento.
Implantaremos a total transparencia informativa na xestión dos recursos públicos e nos criterios de concesión de bolsas de estudos, axudas e subvencións municipais.