A SADA QUE ESTÁ POR VIR

Desafíos da emerexencia climatica

presentacion
presentacion
Eleccións Municipais 2023 - Sada Programa electoral - Dereito ao espazo público, mobilidade, sustentabilidade ambiental, residuos municipais, iluminación e enerxía e Urbanismo, territorio e medio, 
Desafíos da emerexencia climatica

Dereito ao espazo público

Os espazos públicos da vila e das parroquias son elementos fundamentais da socialización e da cohesión social e, por tanto, deben poder ser utilizados en boas condicións por toda a poboación. Expulsar as persoas do espazo público é un grave atentado á igualdade de oportunidades.

É por isto que:

 Promoveremos e aplicaremos medidas para que a mobilidade peonil sexa prioridade na mobilidade municipal, avanzando na recuperación e creación de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros e con usos plurais, de modo que sexan centros de socialización e convivencia veciñal.

 Melloraremos e impulsaremos a posta en marcha do Plan de mobilidade urbana sostible (PMUS), xa elaborado.

Mobilidade

O transporte público é un dos principais problemas de Sada. Consideramos que un servizo público de transporte é fundamental e ten que vertebrar o concello, motivo polo que ten que ser reformulado para atender as partes de Sada que non teñen ningún servizo de transporte e que non enlazan coas principais liñas existentes.

Para isto:

 Seguiremos a fomentar o abaratamento do bonobús para estudantes, desempregados/as e pensionistas.

 Impulsaremos un plan de transporte público efectivo con especial atención ao proxecto da intermodal da Chaburra, co que se pretende desconxestionar e liberar o centro da vila de vehículos.

 Destinaremos como mínimo, o 10% dos investimentos da Deputación á construción de sendas peonís e carril bici, fomentando a conexión entre as parroquias e incrementando as zonas de paseo seguro a pé.

 Estaremos vixiantes e reclamaremos da Xunta a corrección de deficiencias do servizo, as impuntualidades ou a saturación de pasaxeiros nos vehículos.  Promoveremos o uso de vehículos menos contaminantes, especialmente as alternativas aos combustíbeis fósiles, con bonificacións nas ordenanzas, e crearemos plans informativos.

 É prioritario facer de Sada un referente da mobilidade sostíbel, como xa temos demostrado noutras vilas onde gobernamos. Na actualidade a sinistralidade e perigosidade para os peóns fai primordial facer de Sada unha vila máis accesíbel a camiñar con seguridade: aparcamentos disuasorios e carrís bici, beirarrúas, pasos de peóns elevados e zonas de prioridade peonil.

Sustentabilidade ambiental

A sustentabilidade ambiental supón o compromiso da presente xeración coas xeracións vindeiras, xorde de asumir a nosa responsabilidade como sociedade para que o patrimonio natural, as paisaxes, os territorios e o medio sexan respectados, protexidos e preservados.

Con este fin:

 Asumiremos un papel activo en materia de vixilancia e conservación das masas forestais e da limpeza dos predios próximos ás vivendas. Traballaremos na prevención de riscos e asegurando o cumprimento rigoroso da normativa de protección de núcleos rurais.

 Faremos das Brañas un lugar natural de referencia.

 Potenciaremos a compostaxe doméstica nas vivendas unifamiliares e procuraremos, dentro do Consorcio das Mariñas, impulsar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva.

 Procuraremos a instalación dun novo punto limpo no noso concello.

 Fomentarmos o uso racional da auga e construiremos novos depósitos de abastecemento no subsolo das pistas do Castro, para mellorar a capacidade de almacenamento e para procurar un mellor servizo, sobre todo na época estival.

 Construiremos tanques de tormentas nas inmediacións das Brañas e no subsolo das pistas polideportivas do paseo marítimo, para acoller a auga das grandes avenidas e evitar a súa evacuación directa ao mar, enviándoa paulatinamente á estación depuradora para o seu tratamento.

 Ampliaremos a capacidade da EDAR de Sada para cubrir o importante crecemento demográfico que estamos a experimentar.

Residuos municipais

O BNG sempre rexeitou o tratamento dos residuos municipais no modelo de SOGAMA, baseado na incineración da case totalidade dos residuos. Foi un goberno do BNG o que quitou a Sada dese modelo e nos integrou no Consorcio das Mariñas, que se ben ten moitas eivas e é susceptíbel de melloras, dá unha mellor cobertura á necesidade ambiental, e legal, de reciclar os biorresiduos.

Con ese aval que nos dá o traballo feito, seguiremos a promover un modelo na xestión dos residuos municipais apoiado na implicación colectiva e na participación directa de toda a sociedade, no convencemento de que esa é a premisa para que realmente poida ser eficiente. A nosa aposta sempre será por un modelo e frecuencia de recollida rural e urbana que garanta unha separación de calidade dos biorresiduos e demais fraccións, que impulse a compostaxe doméstica e comunitaria, así como unha separación eficiente dos diferentes residuos, como indica a lexislación europea sobre este tema. Comprometémonos tamén a implementar programas de educación ambiental e sensibilización social en coordinación cos centros educativos.

Iluminación e enerxía

O alumeado público é garantía do correcto tratamento do espazo público desde dúas dimensións. Dunha banda, garante espazos seguros e transitábeis, e doutra, os espazos ben iluminados teñen especial importancia no deseño de espazos accesíbeis para toda a cidadanía.

Para isto:

 Impulsaremos ou colaboraremos en proxectos de autoconsumo, comunidades enerxéticas, redes de calor e outras alternativas de enerxías renovábeis de proximidade.

 Traballaremos no aforro enerxético, xa non só por unha cuestión de aforro, senón tamén por unha cuestión ambiental. Modificaremos as ordenanzas municipais para bonificar a instalación nas vivendas de enerxía fotovoltaica e doutras enerxías renovábeis.

 Impulsaremos un plan de acción local para diminuír a pegada de carbono de todas as instalacións municipais, mediante a eficiencia enerxética, redución de consumos e incorporación de sistemas renovábeis.

Urbanismo, territorio e medio

A curto prazo, a función máis importante do Concello consiste na prestación dos servizos básicos, mais a medio e longo prazo é preciso tratar de incidir na ordenación do territorio, tanto na previsión de intervencións sobre el como nas actuacións que se fagan para o seu coidado e permanencia.

O urbanismo debe desenvolverse mediante unha planificación multisectorial, onde a mobilidade, a definición de estratexias de infraestrutura verde ou os procesos de naturalización urbana camiñen da man na procura de concellos saudábeis e sustentábeis.

Por esta razón:

 Comprometémonos a axilizar o desenvolvemento do PXOM, que contempla accións cuadrienais a cargo do Concello e que necesitan un impulso.

 Demandar de Augas de Galicia que mellore o caudal de evacuación do río Maior soterrado na rúa Venezuela, contribuindo xunto coa Deputacion ao financiamento das obras para descubrilo ata adesembocadura, correxindo erros do pasado. Así mesmo, que execute a mellora do colector principal de saneamento. Construír un tanque de tormentas e revisar a rede de saneamento para evitar fugas e filtracións, avanzando así no necesario saneamento integral do concello e na recuperación de espazos degradados. Procurar unha solución aos continuos asolagamentos nesa zona.

 Crearemos un espazo dotacional en Mosteirón, a única parroquia de Sada que non conta a día de hoxe cunha casa do pobo propia.

 Poñeremos en valor os espazos libres das Brañas.

 Buscaremos unha solución aos problemas de aparcamento, con aparcadoiros disuasorios na Chaburra ademais de en Samoedo, con conexión directa co centro urbano.

 Poñeremos en valor o espazo libre de Monte Lixandre, de Fontán, do Campo das Mantas, de Castelo e de Corbeiroa.

 Melloraremos a conexión das estradas no Tarabelo coa construción dunha rotonda.

 Construiremos unha rotonda no lugar da Lamela para mellorar a seguranza viaria na intersección da DP-7506 e a DP-7504.

 Construiremos lugares de aparcamento nas praias de Cirro e San Pedro, en Veigue.

 Desenvolveremos os plans especiais de ordenación de Carnoedo e Veigue previstos no PXOM para contribuír á reordenación e mellora de viarios e espazos públicos.

Desafíos da emerexencia climatica