SOMOS PERSOAS SERIAS, COMPROMETIDAS CO NOSO POBO, E TEMOS ADEMAIS O RESPALDO DUNHA ORGANIZACIÓN QUE NOS PERMITE TRASLADAR AS NOSAS INICIATIVAS A TODOS OS NIVEIS
Emilio, candidato á alcaldía
Emilio Graña Mosquera naceu na Coruña no ano 1972 e na actualidade vive no lugar do Ameixeiral, en Mondego.
Biólogo de formación, profesor desde hai máis de 20 anos nun centro concertado da Coruña e militante do BNG desde a universidade, nos anos 90, Emilio sempre participou na vida social e política alí onde estivo e dun xeito comprometido. Así, formou parte do movemento pacifista contra o servizo militar, foi insubmiso e condenado a 9 meses de prisión por defender a loita social que ao cabo finalizou coa abolición da mili obrigatoria.
Tamén foi un destacado activista do movemento ecoloxista desde que cursaba bacharelato no Instituto da Agra do Orzán na Coruña, implicándose en movementos a prol dunha planta de reciclaxe para a comarca, despois do escorregamento do vertedoiro de Bens.
Colaborou moi activamente, como voluntario da asociación ecoloxista Adega, na organización de envío de buses a na recollida de chapapote durante a marea negra do Prestige.
Esta é a segunda vez que participa nunha lista electoral. A primeira, no ano 1999, foi ocupando o segundo posto na que presentou o BNG ás eleccións municipais no concello de Oleiros, onde naquel momento residía.
Na actualidade é o responsábel local do BNG de Sada e encara este novo compromiso con humildade, ilusión e ganas de contribuír a facer unha Sada mellor.
Emilio considera que as solucións para Sada non poden vir das mesmas ideas que fomentaron os pelotazos e a desfeita urbanística da nosa vila, un pasado do que aínda hoxe sufrimos as consecuencias.
Pola contra, quere contribuír a facer unha Sada mellor e máis accesíbel, colaborando con aquelas forzas políticas que aposten por humanizar a nosa vila, conectar as nosas parroquias, crear máis lugares para andar e para o esparexemento e seguir traballando pola mellora dos servizos básicos para a poboación, de xeito que ninguén quede atrás. O forte investimento en servizos sociais levado a cabo polo BNG desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, da que fomos responsábeis, que multiplicou por catro o orzamento anterior, demostra con feitos por que o BNG é útil e necesario nun goberno.
Somos persoas serias, comprometidas co noso pobo, e temos ademais o respaldo dunha organización que nos permite trasladar as nosas iniciativas tanto á Deputación e á Xunta como ao Estado e a Europa, porque traballamos desde o local coa idea de facermos unha Sada mellor, integrada na comarca e nunha Galiza máis forte e máis próspera.
Con esa intención queremos seguir ampliando a vosa confianza para chegar a liderar novamente o goberno de Sada.