DESDE QUE OBTIVEMOS REPRESENTACIÓN NO CONCELLO DE SADA NO ANO 1999, A ACTUACIÓN DAS PERSOAS QUE NOS REPRESENTARON FOI SEMPRE IMPECÁBEL ALÍ ONDE NOS COLOCOU O VOTO POPULAR, FOSE NO GOBERNO OU NA OPOSICIÓN.

O labor institucional do BNG: Traballamos por Sada

sada
sada
No BNG apostamos pola constancia e o esforzo na acción política e social como o mellor xeito de servir ás xentes de Sada. Unha máxima que mantivemos nas nosas áreas de goberno, mesmo nos días máis duros
O labor institucional do BNG: Traballamos por Sada

Os concellos gobernados polo BNG caracterízanse por levaren a cabo políticas de transformación e de vangarda en gobernos que son sinónimo de bo facer e xestión eficaz e honesta ao servizo da veciñanza, e, por tanto, capaces de mellorar a vida das persoas en vilas e cidades.

Desde que obtivemos representación no Concello de Sada no ano 1999, a actuación das persoas que nos representaron foi sempre impecábel alí onde nos colocou o voto popular, fose no goberno ou na oposición. Sempre tentamos traballar en positivo para Sada, integrándoa nos proxectos máis salientábeis da área metropolitana (plan viario comarcal, plan de transporte metropolitano, recollida de residuos sólidos urbanos…) e contribuíndo a facer unha Galiza mellor. Soubemos estar na oposición, gobernar tendo a alcaldía e cogobernar con outras forzas cando non a tivemos, sempre desde a humildade e a lealdade e co traballo como bandeira.

Neste último período, entendemos a nosa participación no goberno de coalición en Sada como unha oportunidade para traballar polo modelo local no que acreditamos, e a este obxectivo dedicamos os nosos esforzos ata o momento en que se materializou a moción de censura que o transfuguismo político protagonizou, unha vez máis, en Sada.

No BNG apostamos pola constancia e o esforzo na acción política e social como o mellor xeito de servir ás xentes de Sada. Unha máxima que mantivemos nas nosas áreas de goberno —a de Promoción Económica, Turismo e Emprego e a de Benestar Social e Igualdade—, mesmo nos días máis duros que a crise social e sanitaria da Covid provocou.

Sendo moitos os retos que a xestión local aínda ten en Sada, non menores son as acción positivas levadas a cabo nas últimas lexislaturas nas que consideramos que o noso
traballo e implicación foron importantes. A nosa actuación no goberno de coalición ata a moción de censura está aí para ver, e citaremos só algúns exemplos:

 

  • Comprometémonos co benestar da nosa veciñanza e defendemos sempre a necesidade de aumentar os orzamentos para investir en materia de protección e promoción social, programas de servizos sociais, asistencia social ou fomento do emprego. Así, multiplicamos por catro o orzamento de servizos sociais

  • Deseñamos un programa para estabelecer diferentes liñas de subvencións directas para os e as autónomas de Sada, ao que foron destinados máis de 800.000 € para poder atender todas as solicitudes presentadas.


  • Puxemos en marcha novos proxectos, como o de atención temperá ás meniñas e meniños con dificultades.


  • Traballamos pola dixitalización e a redución da fenda dixital no noso concello a través de diferentes proxectos de emprego, así como pola posta en funcionamento de proxectos como o da Xanela Aberta, que instalou varios paneis informativos por todo o municipio.


  • Colaboramos con programas como o de Relevo, destinado á difusión das saídas profesionais do mar entre o estudantado


  • Apoiamos e potenciamos eventos importantes para Sada como o festival Touliña Pop, que nacera en 2017 auspiciado polo BNG


  • Promovemos o emprego do galego no ámbito do comercio local a través de diferentes campañas.


  • Apoiamos a reivindicación política e institucional que durante décadas realizaron partidos como o BNG e colectivos sociais e da memoria histórica pola recuperación do Pazo de Meirás.


  • Tras esta recuperación e desde a nosa Concellaría de Promoción Económica, Turismo e Emprego, xestionamos por primeira vez as visitas públicas guiadas ao Pazo de Meirás, que estaban a ser un éxito.


  • Apostamos polo paso do edificio modernista da Terraza á propiedade municipal e pola súa rehabilitación, tema que o BNG levou ata o Congreso dos Deputados


  • Defendemos unha Sada feminista, apostando pola plena participación das mulleres no desenvolvemento en todos os ámbitos sociais e profesionais e en todos os procesos de toma de decisións

E ao anterior poderiamos engadir un longo etcétera de iniciativas que dan mostra do modelo social e de benestar que desde o BNG defendemos para os concellos baseándonos no gran potencial que temos neste país.

Un modelo, en definitiva, leal á defensa dos servizos públicos, tan deteriorados pola dereita, entendendo estes como un investimento na cidadanía máis que como un gasto e crendo na posibilidade de construírmos vilas máis humanas e participativas, espazos máis amábeis e seguros, con maior calidade de vida e ao dispor das persoas.

O BNG somos unha forza política fiábel en Sada, cogobernamos na Deputación da Coruña, somos a primeira forza da oposición no Parlamento de Galiza e temos representación nas Cortes do Estado e en Europa. Podemos polo tanto levar as inquedanzas do noso concello a calquera institución, actuando con honestidade e con criterio, defendendo os intereses de Sada e de Galiza.

O BNG é unha forza en expansión, e como tal actuaremos, procurando integrar todas as persoas que pensan que traballando desde o local podemos contribuír a facer un país mellor, con máis autogoberno e mellor xestionado.

Nestes momentos en que unha moción de censura confabulada por tránsfugas nos situou na oposición, saberemos actuar tamén con serenidade ata que nas vindeiras eleccións de maio os votos da cidadanía nos coloquen alí onde o decidan as persoas de Sada, que son as que terán na súa man a posibilidade de conformar maiorías de goberno. O BNG respectará a decisión das urnas e actuará en consecuencia, lealmente, sen atallos nin acordos contra natura que desvirtúen a vontade popular, tal e como sempre fixemos.

No BNG sempre actuamos con lealdade e somos merecentes de total confianza no desempeño político. Ese é, ao cabo, o mellor aval que podemos ofrecer.

 

O labor institucional do BNG: Traballamos por Sada