SE QUEREMOS QUE VIVIR EN SADA SEXA CÓMODO E ACCESÍBEL PARA A VECIÑANZA, TEN QUE HABER HORARIOS O SUFICIENTEMENTE AMPLOS E QUE DESPRAZARSE Á CIDADE DA CORUÑA OU A OUTRAS LOCALIDADES NON SEXA UNHA ODISEA.
Por unha mellora do transporte público en Sada
Con motivo da crise actual e da suba dos carburantes derivada fíxose máis patente aínda a necesidade perentoria da mellora do transporte público no noso concello. Os veciños e veciñas padecen liñas de bus que van saturadas, nas que hai que ir de pé en horas punta, con atrasos, ás veces con traxectos de máis dunha hora... Os horarios dos últimos traxectos dificultan o transporte de regreso á casa do alumnado sadense de estudos nocturnos, conservatorio, escola de idiomas, bacharelato, universidade…
A isto haille que sumar as dificultades de accesibilidade: vehículos con escaleiras moi empinadas, sen rampla para persoas con dificultades de mobilidade, pantallas de anuncio de destino que non se len, non se avisa das paradas —o que dificulta situarse no punto exacto do percorrido nas tardes escuras e chuviosas de inverno— etc.
Parece que se nos obriga á veciñanza ao uso do transporte privado, que xera atascos e contaminación ademais de dificultades de transporte para a poboación con menos recursos.
Á nosa cidadanía cómpre ofertarlle unha alternativa viábel e medioambientalmente sostíbel. E non abonda con baixar prezos. Se queremos que vivir en Sada sexa cómodo e accesíbel para a veciñanza, ten que haber horarios o suficientemente amplos e que desprazarse á cidade da Coruña ou a outras localidades non sexa unha odisea.
O Bloque Nacionalista Galego traballará para que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza inste a empresa concesionaria de transporte ALSA, así como as outras concesionarias do servizo de transporte público colectivo que presten servizo dentro do noso municipio, a cumpriren as seguintes propostas:
- Aumentar a frecuencia de buses nas horas de entrada e saída de centros de estudo ou traballo (isto é, reforzar os servizos nas chamadas horas punta) e ampliar horarios polas noites e durante a fin de semana, así como mellorar a súa puntualidade realizando os axustes necesarios nos traxectos.
- Mellorar a información ao servizo das persoas usuarias das liñas de autobuses, coidando a cartelaría anunciante dos destinos dos vehículos e a sinaléctica das paradas, estabelecendo avisos das paradas cun sistema por voz, por exemplo, ou creando novas ferramentas de comunicación mediante o aproveitamento das novas tecnoloxías.
- Revisar e renovar con carácter de urxencia a frota de vehículos destinados a dar servizo ás liñas de transporte metropolitano que atravesan Oleiros, para garantir que todos eles sexan accesíbeis para persoas con todo tipo de diversidade funcional, que estean provistos de espazo suficiente para persoas de mobilidade reducida e, así mesmo, que conten con medios técnicos adecuados para posibilitar o acceso destas ao interior dos buses.