A SADA QUE ESTÁ POR VIR

Principios e folla de ruta

candidatura
candidatura
Eleccións Municipais 2023 - Sada Programa electoral - Sada merece máis
Principios e folla de ruta

Sada precisa dun proxecto solvente e participativo, que involucre a toda a sociedade nunha nova dinámica de integración e de orgullo de pertenza a Sada, que busque a incorporación dunha actividade económica sostíbel e, ao mesmo tempo, saídas á deterioración ambiental e á escaseza de tecido produtivo. Ante a situación actual, no BNG queremos implantar políticas que consideramos esenciais para rachar cos males endémicos do noso concello, de xeito que aquelas cuestións que frean o seu crecemento sexan superadas mediante políticas activas de dinamización. Presentamos unha candidatura formada por persoas competentes, ilusionadas, que teñen a cabeza e o corazón en Sada.

Presentamos un equipo preparado, cheo de ilusión e cos pés no chan, disposto a traballar con propostas e iniciativas, pero que posúe tamén a formación e a capacidade técnica e política necesarias para resolver os problemas que poidan xurdir ao longo do camiño.

Ademais, contamos cunha organización política sólida que nos apoia e que nos axudará a conseguir os recursos necesarios noutras administracións cando sexa preciso. O BNG ten presenza en todas as institución democráticas: na Deputación Provincial (na que cogobernamos), no Parlamento de Galiza (onde somos a primeira forza da oposición), no Estado e ata no Parlamento Europeo, e isto dános unha fortaleza que se pon de manifesto ben ás claras cando gobernamos no Concello e que nos distingue doutras candidaturas.

Cando gobernamos, Sada sae beneficiada. As obras máis importantes que se realizaron en Sada nos últimos 15 anos leváronse a cabo no período no que o BNG gobernou Sada e ao mesmo tempo cogobernaba na Xunta. Desa época son A Galiña Azul e o Centro de Día de Mondego, a remodelación e recuperación da Cámara Agraria de Riobao, a rehabilitación da Capela de San Roque, a herba artificial no campo das Mariñas (que permitiu que centos de rapaces deixasen de xogar na lama), a pista de patinaxe e un longo etcétera de reformas nos espazos públicos.

Neste momento Sada necesita recuperar peso nas institucións supramunicipais. A modo de exemplo, é sintomático que un concello como Oleiros teña dobre beirarrúa na estrada que sobe de Santa Cruz a Meirás (nunha estrada da Deputación) mentres que na parte sadense da mesma estrada, que supón aproximadamente a metade, non existe un só metro de beirarrúa. O noso compromiso é coa vila e a xente de Sada. Por elas traballaremos arreo, coa convicción de que o proxecto do BNG é a mellor opción para a cidadanía, como o demostra a experiencia dos gobernos liderados polo BNG en Sada e noutros concellos galegos que destacan polo seu bo facer.

Principios e folla de ruta