CÓMPRE QUE AS ADMINISTRACIÓNS DA XUNTA E DO ESTADO ACTÚEN PARA VELAR POLO CORRECTO MANTEMENTO DO EDIFICIO E, TRAS A SÚA REHABILITACIÓN, ENTREGALO AO CONCELLO DE SADA PARA OS FINS PREVISTOS NO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL, QUE NON SON OUTROS QUE DESTINALO A EQUIPAMENTO SOCIOCULTURAL.
Que pasa co edificio da Terraza?
Sada convive co paradoxo de celebrar anualmente unha “feira modernista” ao pé do edificio modernista por excelencia mentres este se deteriora ata a decadencia
O edificio da Terraza foi situado nuns terreos de concesión administrativa por Real orde do 20 de xullo de 1922, para ser destinado á “venda de refrescos e licores na praia de Sada”. Décadas máis tarde, o recheo do paseo marítimo realizado nos anos 80 distanciou o edificio do bordo litoral.
Doutra banda, a concesión outorgada no seu día caducou sen posibilidades de ser prorrogada, segundo acredita a Dirección Xeral da Costa e o Mar en Resolución ditada o 11 de febreiro de 2021.
Cómpre que as administracións da Xunta e do Estado actúen para velar polo correcto mantemento do edificio e, tras a súa rehabilitación, entregalo ao Concello de Sada para os fins previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que non son outros que destinalo a equipamento sociocultural.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas así o considerou nas iniciativas parlamentarias levadas ao Parlamento de Galiza, e tamén o deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.
Como é sabido, no ano 2011 o Concello de Sada solicitou a declaración da Terraza como Ben de Interese Cultural (BIC). Tal declaración fíxose efectiva no Decreto 16/2020, do 30 de xaneiro, algo que tamén é crucial para a conservación do edificio e para que teña garantida a súa permanencia no espazo que ocupa, do que non pode ser retirado, nin desmantelado nin trasladado, como interesadamente se ten insinuado.
A preguntas do BNG, o Goberno do Estado contestou por escrito que para xestionar a rehabilitación do edificio e proceder a ela no menor tempo posíbel o Concello de Sada debería solicitar o título habilitante, neste caso a concesión, que podería ser outorgada conforme o previsto na disposición adicional terceira do Regulamento xeral de costas, así como no artigo 135 do mesmo texto legal.
É patente o abandono actual do edificio e rehabilítalo supón unha necesidade imperiosa. Como o asunto está xudicializado, se o xulgado decide que o Estado debe prorrogar a concesión, terá que ser o concesionario quen manteña e rehabilite ese BIC. Se pola contra a Terraza pasa a propiedade pública, serán as administracións as que se encarguen de facelo.
O que é evidente é que a peor das situacións é a actual, na que ninguén se ocupa nin se toman medidas. E mentres, Sada convive co paradoxo de celebrar anualmente unha “feira modernista” ao pé do edificio modernista por excelencia mentres este se deteriora ata a decadencia.
Que propón logo o BNG? Que tanto o Estado como a Xunta se aclaren e tomen medidas, as que sexan, pero que as tomen xa, porque de seguiren así, cando se decidan a actuar será tarde.