É INADMISIBLE QUE ESTE MUSEO CONTINÚE PECHADO AO PÚBLICO POR MÁIS TEMPO, POSTO QUE AS OBRAS QUE NEL SE CONSERVAN SON PARTE DO NOSO PATRIMONIO CULTURAL E, COMO TAL PATRIMONIO COMÚN, DEBEN SER ACCESIBLES AO PÚBLICO.

Reclamamos a reapertura do Museo Carlos Maside

Concentración do BNG pola reapertura do Museo Carlos Maside
Concentración do BNG pola reapertura do Museo Carlos Maside

Demandamos actuacións urxentes: reparar o desgaste do edificio e actuar de inmediato para protexer este legado en severo risco

Imaxe do interior do Museo Galego de Arte Contemporaneo Carlos Maside
Imaxe do interior do Museo Galego de Arte Contemporaneo Carlos Maside
Reclamamos a reapertura do Museo Carlos Maside

Este excepcional museo de arte contemporánea situado no noso concello, no Castro, naceu hai máis de 50 anos (1970) e alberga bens de incalculábel valor material e inmaterial, ademais de ser en si mesmo un edificio senlleiro.

O museo, creado coa vontade de salvagardar a memoria histórica galega do exilio a través da recuperación do seu patrimonio artístico, converteuse no espello da renovación da arte contemporánea galega. Reúne un importante volume de obras de artistas de enorme relevancia —moitos deles exiliados por mor da guerra civil —, como Luís Seoane, Maside, Castelao, Asorey, Lugrís Freire, Maruxa Mallo, Laxeiro, Eugenio Granell, Francisco Lloréns… Foi un proxecto museográfico pioneiro, aberto, activo, dialogado coa obra. Un museo vivo, que hoxe esmorece dun xeito lamentábel ante a pasividade da Xunta.

No 2010 produciuse un acordo parlamentario a prol da declaración do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside como Ben de Interese Cultural, declaración que garantiría a súa a rehabilitación e protección. Pero a día de hoxe o expediente BIC continúa inexplicablemente paralizado, desoíndo o mandato parlamentario. Non houbo ningunha resolución firme da Xunta, nada máis aló dalgunha publicidade enganosa sobre a chegada dunha boa nova que non acaba de producirse.

Un informe do 2018 do Consello da Cultura Galega, órgano consultivo de referencia da Xunta de Galiza, afirmaba que “colección e edificio merecen a protección necesaria para garantir a súa permanencia e preservación indisociablemente unidos”. E concluía manifestando que “tanto o edificio do Museo Carlos Maside como a colección documental e pictórica que alberga merecen, pola súa natureza e carácter, a protección como Bens de Interese Cultural”.

O BNG considera inadmisible que o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside continúe pechado ao público por máis tempo, posto que as obras que nel se conservan son parte do noso patrimonio cultural e, como tal patrimonio común, deben ser accesibles ao público.

Por iso demandamos actuacións urxentes: por unha banda, reparar o innegábel desgaste do edificio, que pode provocar danos irreparábeis nas obras que contén, ao levar pechado o museo desde 2016. Pola outra, a Xunta de Galiza debe actuar de inmediato para protexer este legado en severo risco, dando cumprimento ao acordado no Parlamento galego en 2010.

A deputada nacionalista Mercedes Queixas presentou xa varias iniciativas no Parlamento galego, mais todo queda en boas palabras por parte do goberno do PP, sen que se concreten prazos nin actuación ningunha de protección sobre este museo único localizado no noso concello de Sada.

Desde o BNG seguiremos insistindo na reapertura do Carlos Maside e na súa protección como Ben de Interese Cultural.

maside2
maside2
Reclamamos a reapertura do Museo Carlos Maside