O simulacro innecesario da obra do Río Maior
Este simulacro, que se pretende facer real, xa se fixo virtualmente chegando á conclusión de que a alternativa é factible e de que se complica a xestión do tráfico.
A reapertura do Río Maior ao seu paso polo centro da nosa vila evitaría en gran medida o risco de asolagamento ao que o centro de Sada está exposto. Asemade, renatularizaría unha área que foi no seu día roubada á natureza, recuperando para ela e para todos e todas un espazo de paseo e lecer.
O convenio que apoia esta grande obra estima o gasto en 7 millóns de euros, dos que o 50% van ser asumidos pola Xunta de Galicia e o resto polo Concello de Sada. Prevense catro anos de obras, nos que, como nos podemos imaxinar, a rúa Venezuela non estará practicable e a transversalidade do tráfico próximo a liña de costa será cortada.
A obra nos anos 26 e 27 vai causar incomodidades ao tráfico xa que, tal e como está previsto, haberá que circunvalar a zona da obra e polo tanto a circulación que atravesa Sada verá como a vía principal de evacuación será substituída por outras alternativas con menor cabida.
Asemella que nos van facer pasar por un simulacro durante tres meses para demostrar que vai haber atrancos e incomodidades. Este simulacro, que se pretende facer real, xa se fixo virtualmente chegando á conclusión de que a alternativa é factible e de que se complica a xestión do tráfico.
Dende o BNG de Sada, preguntámonos para que se fai este simulacro real se xa sabemos o resultado e, sobre todo, cal é o plan B no caso, que xa lles dicimos non se vai dar, no que o simulacro non resulte exitoso. Renunciariamos a obra? Hai outra alternativa?