A SADA QUE ESTÁ POR VIR

Promoción económica e innovación

20230303_182339
20230303_182339
Eleccións Municipais 2023 - Sada Programa electoral - Economía local e emprego, sectores productivos e Turismo
Promoción económica e innovación

Economía local e emprego

Consideraremos como primeiro obxectivo facilitar as condicións para a creación de emprego vinculado ao desenvolvemento local e ao benestar social.

No BNG contribuiremos a impulsar e dinamizar a economía local, poñendo en valor os recursos endóxenos para acadar un modelo de crecemento económico sustentábel, apoiando e investindo en medios para atinxir un modelo económico con maiores niveis de emprego.

Así, para revertermos a situación actual desenvolveremos as seguintes liñas de actuación:

 Posta en valor da zona do Tarabelo, dotando de servizos os terreos destinados a área comercial previstos no PXOM.

 Dinamizaremos as infraestruturas públicas en diferentes parroquias para facilitar o autoemprego e a creación de empresas.

 Promoveremos a formación para as persoas desempregadas, poñendo en marcha un Centro de Formación Ocupacional que responda ás necesidades de Sada.  Habilitaremos un espazo municipal compartido para o teletraballo (coworking).

 Contribuiremos ao desenvolvemento económico local a través de accións con outras institucións orientadas a resolver problemas estruturais, como a mellora do transporte público ou a posta en valor dos espazos dotacionais para solo empresarial previstos no PXOM. Promocionaremos a posta en valor de máis de 700.000 m2 de solo no Espírito Santo, un espazo que xa ten a cualificación urbanística necesaria e que só falta dotar das infraestruturas precisas para o seu desenvolvemento.

 Apostaremos por fomentar o emprego público vinculado a servizos básicos locais para a poboación como vía prioritaria para crear emprego estábel, emprego dirixido especificamente aos sectores de poboación que presentan taxas máis altas de desemprego, como son as mulleres e a mocidade. Para tal fin, reclamaremos do Estado que se suprima a limitación á creación de emprego público para poder reforzar e ampliar servizos públicos locais, e poder así reforzar o cadro de persoal municipal en departamentos actualmente deficitarios, como é o caso de Servizos Sociais e outros.

 Fortaleceremos o tecido comercial e empresarial, apoiando o comercio local e de proximidade con ferramentas que melloren a competitividade fronte ás grandes superficies comerciais e incentivando a compra de produtos locais e galegos. Neste sentido xa se fixeron esforzos creando festas gastronómicas como a Festa da Xiba ou a Cervefeira, eventos que pretendemos consolidar, igual que a Feira Modernista.

 Participaremos en iniciativas e programas comunitarios experimentais de emprego e autoemprego en colaboración con entidades e concellos da comarca, e tamén en programas de cooperación entre municipios, Xunta e Deputación, para facilitar a inserción laboral en novos ámbitos de emprego.

 Fomentaremos a través dos pregos de contratación que as empresas favorezan a inserción laboral daqueles colectivos máis desfavorecidos, e tamén mediante talleres de emprego para persoas con algunha disfuncionalidade, en colaboración co Consorcio das Mariñas.

 Traballaremos por mellorar a formación no eido laboral e por mellorar a relación coas universidades públicas galegas e cos centros educativos, facilitando a creación de programas e actividades de prácticas.

 Intensificaremos a colaboración cos servizos públicos de emprego para canalizar axudas para a contratación de persoas desempregadas por parte do Concello, ou en empresas que prestan servizos no Concello.

 Promoveremos a creación da Mesa pola Inclusión Social e o Emprego, que asegure a participación e a coordinación política e técnica entre todas as institucións e axentes sociais implicados.

 Faremos que a rehabilitación do edificio do Centro de Formación Ocupacional de Osedo sirva para que ese Centro contribúa á empregabilidade. Apoiaremos a creación de escolas-obradoiro centradas en recuperar oficios especializados con alta demanda no mercado laboral e oficios que impliquen reparación, mantemento, reutilización e reciclaxe local de materiais e produtos usados.

 Demandaremos do Goberno da Xunta a implantación de ciclos formativos de FP en Sada, como medida de formación e fomento do emprego.

 Impulsaremos actuacións dirixidas a garantir o acceso e a permanencia das mulleres no mercado de traballo en condicións de igualdade: apoiando e promovendo o emprendemento feminino, favorecendo a conciliación e a corresponsabilidade da vida persoal, laboral e familiar, a través do fomento do programa Madrugadores nas escolas, colaborando co Consorcio ou a Mancomunidade no servizo de canguros e incorporando cláusulas sociais na contratación pública, coa finalidade de favorecer a selección de empresas que destaquen por desenvolveren unha política a prol da igualdade.

 Volveremos mirar ao mar. Os intereses do sector pesqueiro seguen sen ser atendidos polos gobernos da Xunta, do Estado e de Europa. É necesario que o sector sinta o noso apoio: somos un pobo con raíz mariñeira e debemos levalo con orgullo. Cando a pesca vai mal, Sada vai mal. Debemos apoiar as medidas que adopte a Confraría de cara ao fomento da actividade pesqueira no porto de Sada e seguir esixindo a Portos de Galicia maiores condicións de seguridade para as actividades pesqueiras.

Sectores produtivos

O BNG aposta por unha estratexia que permita planificar a actuación en sectores produtivos propios que pauten procesos de recuperación económica, social e mesmo cultural. Son estes sectores tamén os que contribúen a unha loita activa contra o desemprego, xa que neles podemos encontrar grandes oportunidades para a contratación ou nichos para proxectos innovadores de iniciativas e actividades profesionais.

Por iso,

 Traballaremos coa necesaria visión supramunicipal que nos dá a presenza en todo o territorio, buscando a cooperación con outras administracións locais e supramunicipais, coa propia Xunta, co Estado e con Europa.

 Impulsaremos a posta en marcha dun parque loxístico nos terreos do polígono industrial do Espírito Santo, procurando a súa ordenación, dotación de servizos e mellora do xa existente, para chegar a ter 700.000 metros cadrados que contribúan á mellora e desenvolvemento económico de Sada. Apoiaremos todas as iniciativas empresariais e sociais que teñan por obxecto incrementar a economía produtiva e a produción de bens de carácter social.

Turismo

Defendemos un sector turístico que se desenvolva de forma equilibrada, afastado da especulación, da masificación e de transformacións urbanísticas realizadas de costas á poboación.

Seguindo esa liña, comprometémonos a:

 Seguir impulsando un modelo de turismo que evite as concentracións de beneficios nuns poucos mentres a veciñanza, o medio ambiente e o patrimonio padecen a maior parte das consecuencias negativas.

 Establecer criterios básicos de actuación en materia de infraestruturas turísticas, velando porque a actividade turística respecte, preserve e protexa a riqueza cultural, o patrimonio histórico-artístico e o medio ambiente.

 Proseguir coa rehabilitación e humanización de zonas que impulsen o comercio e a hostalaría locais e aproveitar o patrimonio arquitectónico en desuso como factor de atracción diferencial.

 Buscar alternativas de baño nas inmediacións da praia nova de Sada.

 Rexenerar e pór en valor o Espazo Natural de Interese Local das Brañas e instalar alí un miradoiro e un centro de interpretación da fauna e a flora. Para isto é necesario adquirir os terreos necesarios para construír tamén unha senda perimetral peonil, convertendo así un espazo degradado nunha zona que supoña valor engadido ao turismo e o lecer en Sada

 Contextualizar a oferta turística e patrimonial como parte da rica cultura galega e produto da nosa historia e do noso devir como nación. Non queremos que Sada sexa “a Marbella do norte”, queremos que sexa a mellor opción de esparexemento do Golfo Ártabro, conservando os nosos valores e tradicións. Só así seremos un atractivo fóra das nosas fronteiras. Só valorándonos podemos aspirar a que nos valoren.

 Fomentar a hostalaría local, potenciando eventos consolidados como o Touliña Pop, a Festa da Xiba, a Sardiñada, a Festa da Filloa, a Feira Modernista etc., será unha das nosas prioridades. No seu momento participamos e impulsamos a súa posta en marcha, e seguiremos a fomentar aquelas iniciativas promovidas pola cidadanía que poñan en valor o noso patrimonio cultural, paisaxístico, ecolóxico e gastronómico.

 Buscaremos un novo emprazamento para o mercado municipal, cun novo e moderno espazo que dignifique o traballo das praceiras e praceiros e convide á compra os novos clientes, converténdoo nun eixe máis de desenvolvemento local.

 Seguiremos impulsando a cubrición de espazos, como o xa realizado nas pistas de Mondego. A única pista polideportiva que temos cuberta en Sada débese ao traballo do BNG.

 Continuar potenciando o feirón como una actividade comercial moi importante, que cada sábado atrae centos de visitantes a Sada. Foi o BNG quen lle deu o impulso definitivo hai 15 anos, incorporando todas as rúas da zona das Brañas, co que se triplicou o espazo para unha actividade que hoxe é referencia en toda a comarca.

 Seguiremos a traballar na posta en valor do Pazo de Meirás como referente turístico, pulando por uns usos compatibles coa súa historia recente.

 Seguiremos a promover o Museo Calos Maside como ben de interese cultural (BIC) para formar un interesantísimo triángulo BIC visitábel (Meirás - O Castro - A Terraza), con impulso específico da Concellaría de Turismo.

Promoción económica e innovación