Respecto e formas nos plenos da Corporación

Quen nestes últimos meses atendera a algún dos plenos que se levan a cabo na Axudantía estará, cando menos, impactado co balbordo, faltas de respecto e incluso graves insultos que dende o público se refiren aos nosos concelleiros e concelleiras.
Respecto e formas nos plenos da Corporación
IMG_2147
Desenvolvemento dun dos últimos plenos

Os plenos son públicos e dende hai uns anos son retransmitidos en directo. Mais, que sexan públicos non quere dicir que o público asistente poida comentar, falar e moito menos faltar ao respecto ou insultar aos membros da corporación, e tampouco invadir espazos reservados. 
Está na man do Sr. Alcalde cortar de raíz con estas prácticas que están a converter os plenos en algo vergoñento para os cidadáns e cidadás sadenses que maioritariamente rexeitamos ese comportamento incivilizado e non digno.

Por suposto, non se crea que o arriba referido en canto a insultos e faltas de respecto e algo que acontece con todos os grupos. Os apoupos e faltas de respecto son exclusivamente referidos aos concelleiros/as do grupo de Goberno e do BNG. 

Hai actitudes que alentan a que certos membros do público se comporten destes xeitos indignos, como por exemplo, cando no pleno ordinario do mes de febreiro, un concelleiro dun dos grupos da dereita saíu na defensa doutro concelleiro doutro grupo da dereita (xa que parece ser que non se sabe defender el só) porque o Sr. Alcalde se refería ao seu compañeiro de bancada en termos, segundo el, non acaídos. Foi nese intre cando o concelleiro interpelado, para a súa defensa, dixo: “Cuando usted levanta la sesión, usted y yo somos ciudadanos como cualquiera de los que están aquí”. Por suposto que a condición de cidadán non se lle pode negar, pero o que fai este cargo electo da dereita sadense é confundir e rebaixar a condición do Alcalde.

O Alcalde é alcalde as 24 horas do día, os sete días da semana. Malia que este Sr. concelleiro da dereita sadense coñeza desde mozo ao Sr. Alcalde, non ten dereito a referirse a el nos termos nos que o fixo. Gústelle ou non lle guste o Sr. Portela, ademais de cidadán é alcalde e isto confírelle un determinado estatus, igual que a calquera outro representante público (incluso ao este concelleiro da dereita) que non ten nada que ver con ser ou non ser cidadán. 

Este tipo de actitudes son as que envalentonan aos que van ao pleno coa intención de intimidar e degradar as institucións democráticas.

Hai situacións continuas nos últimos plenos que son, cando menos, cuestionables, pero o acontecido no pleno ordinario deste mes (abril) é lamentable e non debe volver acontecer. Un veciño de Sada interrompeu a sesión dirixíndose cara a zona reservada exclusivamente para os cargos electos e colgou sen permiso un cadro. 
Este tipo de accións poden ser constitutivas de delito e, aínda que non o fose, o que está claro é que desprezan a institución que nos representa a todas as veciñas e veciños de Sada. 

Dende o BNG consideramos moi importante manter o respecto nos plenos, tanto á propia institución democrática como, por suposto, aos e ás representantes electas. É preciso repudiar este tipo de comportamentos e impedir que se volvan dar. 
Por todos estes motivos, instamos ao Goberno a que faga cumprir o ROM co obxectivo de cortar de raíz todas estas actitudes impropias dunha democracia.    

“Homo locum ornat, non homine locus” (Carisio).

Respecto e formas nos plenos da Corporación