UN ARTIGO DE OPINIÓN DE ABEL LÓPEZ SOTO

Tendencias golpistas en Sada

10308188_10208265188091501_2912104806963421918_n
10308188_10208265188091501_2912104806963421918_n
Parece que estamos ás portas doutra moción de censura. No 2004 todos os concelleiros e concelleiras representantes da dereita sadense derrocaron a aquel goberno democrático uns meses despois de terse constituido. 18 anos despois repítese a historia cos representantes das dereitas pretendendo alterar as maiorías xurdidas das urnas, pero esta vez nin siquera para ter a alcaldía, senon para regalarlla ao partido que quedou en último lugar nas pasadas elecións municipais, unha manobra burda e infantil que non aporta nada bo para Sada.
Tendencias golpistas en Sada

Se chega a consumarse ese cambio de goberno, quedaranlles cinco meses para poñer en marcha os seus proxectos, antes de que as urnas volvan a decidir. Por qué cando se aproxima o momento de explicar o que cada quen foi capaz de facer nestes anos, de convencer co seu traballo e coas súas propostas, un grupo de tránsfugas buscan atallos para ver se así poden disfrazar a realidade?. E sobre todo, qué é o que pretenden facer con tanta urxencia nestes meses?

Sería bo que o explicaran e tamén con qué apoios contan das outras administracións, cando todos eles son repudiados polas organizacións que lles facilitaron ter representación pública.

O espectáculo é esperpéntico e o que acontece co partido socialista de Sada non merece máis comentario, como tampouco o fracaso da novidade que supuxo Alternativa dos Veciños no 2019, decepcionante non só en Sada por certo.

Escasea a seriedade e deberían irse todos para a casa, pero non só as persoas que posiblemente acaben culminando o derrocamento dun governo lexítimamente constituído, a cuestión é máis profunda: Cal é a responsabilidade de PP,PSOE e AAVV como organizacións? Quén son os “seleccionadores” de toda esta xente? Estamos diante dun sistema de listas pechadas no que as organizacións politicas deben extremar os coidados á hora de propoñer persoas que van representar unhas ideas e un modelo de sociedade. Que persoas ou órganos avalaron a idoneidade de toda esta xente? Quen asume a responsabilidade de que unánimemente decidan actuar pola súa conta?

Se é certo que todos traizoaron ás súas organizacións (no caso do PP e do PSOE chove sobre mollado), os que erraron na escolla tamén deberían dar explicacións. O Partido Popular, principal responsable por ser o que máis efectivos aporta á fechoría, debería demostrar que é unha organización seria convencendo alomenos a algún dos membros do seu grupo municipal para que desistan porque é evidente que se está a socavar a credibilidade democrática que din querer fomentar.

En calquera caso, tanto se perpetran a moción coma se non, este despropósito debería ter castigo electoral en maio, moi especialmente ao PP, porque dentro duns anos volverán a incluilos en postos de responsabilidade, a súa hipocresía está contrastada e ás probas me remito: O Partido Popular manifestou públicamente o día 4 de novembro que desautoriza a moción, igual que fixera no 2004, pero a casualidade fixo que tan só un día antes, o día 3, anunciaran a constitución da Xestora Local, na que se incorporan destacados membros daquela candidatura golpista do 2004 e que polo tanto, volven a ter responsabilidades políticas neste máximo órgano do PP de Sada. As soflamas e desautorizacións son puro teatro e non se pode esperar nada bo dos mesmos que persisten nos erros de hai 20 anos

Porque ademáis non o fan para defender mellor os intereses de Sada, non utilizan a moción de censura como mecanismo de control cando un goberno non funciona, os argumentos para facer este desaguisado son pueriles e as propostas de actuación inexistentes, o que demostra que únicamente se trata de buscar atallos para ocupar un poder que a cidadanía lles nega cando cando vota.

O bo de todo isto é que desta vez fixérono a cinco meses de que os sadenses volvan a votar e teño a confianza de que a xente desconfíe dos “seleccionadores” de PP, PSOE e AAVV, que castigue o golpismo e confíe o seu voto a organizacións que sen moito ruido, con lealdade e con traballo, utilizan os seus representantes no Concello, na Deputación, na Xunta, no Estado e en Europa para procurar, dentro das súas posibilidades, facer a vida máis agradable aos sadenses.

Abel López Soto

https://www.facebook.com/abel.lopezsoto

Exalcalde, membro do BNG de Sada, ao que o PP e un tránsfuga do PSOE apartaron da alcaldía no ano 2004 mediante unha moción de censura.

168847_4033720165520_334066086_n
168847_4033720165520_334066086_n
Tendencias golpistas en Sada