Os intereses partidistas de Unidos por Sada, PP e PSOE
Os intereses partidistas nunca deben estar por riba do benestar da cidadanía. Moito menos cando afecta á veciñanza con menos recursos.
Cómpre lembrar que, no último pleno ordinario do xoves 28 de marzo, UxS, PP e tamén o PSOE votaron en contra da modificación de crédito 17/25 proposta polo Goberno Municipal de Sadamaioría, na que se incluían varias dotacións para saneamento, maquinaria, reparacións das escolas, limpeza, etc. Tamén se incluía a dotación de 59.000 € de Emerxencia Social, necesarios para os Servizos Socias de Sada. O resultado desta estratexia política, cando menos desacertada, é que as persoas máis desfavorecidas máis sofren.
Os partidos políticos defenden as ideas das e dos cidadáns que os apoian nas urnas, pero non se debe esquecer que son organizacións de interese público, polo que nunca deberían antepoñer os seús propios beneficios e deixar de lado o benestar das persoas.
Dende o BNG de Sada queremos amosar o noso apoio ás nosas veciñas e veciños que están sufrindo en primeira persoa os resultados desta votación en contra dos Servizos Sociais por parte de UxS, PP e PSOE. E, por suposto, tamén ao funcionariado que ten as mans atadas e que intenta facer todo o posible cos recursos dos que dispón.
Malia que probablemente este problema non tería sucedido cuns orzamentos que dispoñesen dunha partida importante para a área de Servizos Socias e Benestar Social, sempre se poderá contar co BNG para axudar neste eido, como así o demostramos sempre cos nosos votos. Así mesmo, hai que lembrar que cando a nosa organización estivo á fronte destas áreas, a súa dotación contou co maior incremento ata a data.
Por último, instamos a UxS, PP e PSOE a que recapaciten, que nunca volvan antepoñer os seus intereses aos da veciñanza e que faciliten o desbloqueo desta situación coa maior celeridade posible.